A maioría das veces os nenos/as escriben sen
fixarse no que están a escribir. A falta de atención á hora de redactar failles
cometer graves erros de ortografía.
Outras veces cometen o mesmo erro
ortográfico varias veces sen darse conta. Isto é debido a que non memorizan a
regra ortográfica adecuadamente porque non se lles ensinaron as estratexias de
aprendizaxe para reter e interiorizar o fallo.
Pronunciar mal determinadas palabras
("armario" por " almario") tamén pode ser consecuencia
importante de cometer faltas de ortografía. Normalmente escribimos como
falamos, e se cadra, o erro está na maneira de pronunciar. Outra causa pola que cada vez máis os nenos/as cometen máis faltas de ortografía é o escaso uso da escritura convencional. Co
avance das novas tecnoloxías e os sistemas informáticos, a escritura de cartas
e o correo tradicional cada vez son máis inusuais.
O escaso tempo de lectura que lle dedican hoxe
en día os nenos/as, tamén vai condicionar en gran medida unha mala ortografía.
Pero... como podemos axudar aos nenos/as a non cometer erros ortográficos?
- Actitude dende a
familia
Debemos mostrarnos acougados ante os
fallos ortográficos do neno/a. Moitas veces simplemente mostrámoslle enfado
pero non lle ensinamos a solucionar o problema. Non debemos transmitirlle a
nosa preocupación excesiva pola ortografía, senón que debemos motivalos a utilizar
unha escritura correcta, animándolles a escribir cartas, a participar en
concursos literarios, etc. e sendo nós exemplo para o neno dunha boa escritura
- Respectar a súa
maneira de aprender
Observar a súa maneira de memorizar. Se a súa
memoria é predominantemente auditiva, aprenderá mellor deletreando as palabras
en voz alta; se é visual, necesitará escribilas.
Podemos propoñer actividades como: xogar coas
listas de palabras (por exemplo, inventar por quenda unha frase divertida cunha
palabra, buscar outras palabras que rimen…). Ou utilizar unha lousa para que o
neno xogue a ser o profesor: propoñédelle que sexa el o que dea a clase.
- Traballar a imaxe visual da palabra,
máis que a aprendizaxe de regras
- Exercicios específicos
Os exercicios de creación: narracións, cartas,
adiviñas, poemas, trabalinguas, cómics, situacións varias de escritura, con
temas atractivos, motivadores, servirán tamén para reflexionar sobre a ortografía,
analizando acertos e erros
- Uso do dicionario
- Xogar para relaxar a presión
Para evitar que a un neno se lle atragante definitivamente a ortografía, convén rebaixar a presión que recibe do profesor, dos pais e, ás veces, de si mesmo. A ortografía pódese converter nun xogo relaxado, desconectado do estudo, que valore ao neno/a e lle devolva a confianza.
Para isto podemos propoñer os seguintes exercicios: Crear frases absurdas co seguinte xogo: o primeiro xogador escribe unha palabra nun papel, logo dóbrao e pásallo ao
seguinte, que fai o mesmo. Cada xogador escribe unha palabra por quenda, respectando unha orde (nome, adxectivo, verbo, etc.)
- Fomentar a lectura
E cos que non len,
que facemos? Hai que buscar camiños indirectos, que adoitan ser pontes cara á
lectura: xogos na internet, revisas infantís, cómics, lectura no ebook,
contos pictografiados, etc.
- Potenciar o pracer por escribir
Independentemente da idade que teña o neno/a, é importante distinguir a ortografía da expresión escrita, para non frustrar a espontaneidade. Se un neno/a conserva o pracer por escribir, aprenderá a ortografía con maior facilidade. Debemos animalo a crear tarxetas de invitación, o menú de festas, escribir poesías a partir das letras dun nome propio, recetarios, etc.
No hay comentarios:
Publicar un comentario